Tempo de chorar Hei de chorar sin bágoas duro pranto polas pombas de luz aferrolladas, polo esprito vencido baixo a noite da libertá prostituída. As espadas penduran silandeiras coma unha chuvia fría diante os ollos e teño que chorar na sombra fuxidía diste pútrido vento que arromba a lealtá e pon cadeas no corazón dos homes xenerosos. Pois que somente os ollos me deixaron para chorar por iles longos ríos, hei navegar periplos, descubertas por tempos que han de vir cheos de escumas, por onde o día nasce, alí onde xermola o mundo novo. Pois que o que chora vive, iremos indo; indo, chorando, andando, salvaxe voz que ha de trocarse en ira, en coitelo de berros e alboradas para rubir ao cumio dos aldraxes. E pois que cada tempo ten seu tempo, iste é o tempo de chorar. Celso Emilio Ferreiro